Constitución da Asociación

O luns 16 de decembro de 2013, 25 anos despois da creación do Corpo, constituíuse a Asociación Profesional de Funcionarios do Corpo Superior de Administración da Xunta de Galicia.

O acto de constitución tivo lugar no salón de actos da EGAP, comezando ás 17.20 h. Os promotores da Asociación expuxeron a súa visión da Asociación adiantando a proposta de integración en FEDECA (Federación de Asociaciones de los Cuerpos Superiores de la Administración Civil del Estado), así como os puntos principais dos Estatutos, informando tamén do compromiso asumido polos promotores de constituírse en Xunta Xestora, aos sós efectos de levar a cabo os actos necesarios para a inscrición e posta en marcha da Asociación e a convocatoria da primeira Asemblea Xeral, na que foi elixida a primeira Xunta Directiva da Asociación.

Na rolda de intervencións dos asistentes fixéronse importantes e positivas suxestións e puntualizacións, a estudar pola Xunta Xestora, sobre a posible conveniencia de que a cobertura legal fose a Lei 11/1985, de 2 de agosto, de liberdade sindical, e non a Lei orgánica 1/2002, comprometéndose a Xunta Xestora a estudar novamente a cuestión a efectos de asegurarse que, con esta natureza, poden emprenderse igualmente accións de defensa de intereses profesionais ou, a proposta aceptada, de repensar o acrónimo proposto “AgrupA”.

Previuse a fixación dunha cota anual, na liña doutras asociacións análogas. A contía exacta foi fixada a posteriori pola Asemblea.

Tamén se manifestou o compromiso dos promotores de presentar candidatura para formar a primeira Xunta Directiva. Non obstante, os promotores manifestaron o desexo de que houbera  máis candidaturas e máis exposición de ideas e achegas de todos os asociados.

A petición dunha compañeira, o secretario leu a acta de constitución da Asemblea.

Finalmente quedou constituída a Asociación coa sinatura da acta e dos Estatutos polos promotores e o preceptivo reparto dos cargos na Xunta Xestora:

Presidenta: Marta Vázquez Sanjurjo.
Vicepresidente: Pablo Amenedo Bermúdez.
Tesoureiro: Iván Meléndez Medela.
Secretario: José Carlos Fagín Taboada.
Vogais: Sergio Domingo Baamonde Boquete, Lourdes Ledo Moure, Juan Carlos Pernas Maques e Manuel Vila López.

Acto seguido foron recollidas as primeiras adhesións, comprometéndose así mesmo a Xunta Xestora a colgar no blog e enviar a todos aqueles que xa o solicitaran ao correo de cosposuperior@gmail.com o formulario de solicitude.

Este acto de constitución foi o primeiro dunha serie de fitos que culminaron coa elección dunha Xunta Directiva ao longo do primeiro trimestre de 2014, momento no que se constituiu esa primeira Xunta Directiva da Asociación Profesional de Funcionarios do Corpo Superior de Administración da Xunta de Galicia, integrada polas seguintes persoas:

Presidenta: Marta Vázquez Sanjurjo.
Vicepresidente: Pablo Amenedo Bermúdez.
Tesoureiro: Iván Meléndez Medela.
Secretario: José Carlos Fagín Taboada.
Vogais: Sergio Domingo Baamonde Boquete, Lourdes Ledo Moure, Pablo Valencia Vila, Nita Ferreiro Novoa e Santiago Lago Fernández.

Quede o agradecemento da Xunta Xestora a todos os asistentes á asemblea constitutiva, fito histórico, no que se condensou o interese mostrado e o esforzo realizado para impulsar este ilusionante proxecto; así como a invitación a todos a solicitar a inscrición na Asociación para poder participar na toma de decisións e na conformación do futuro da Asociación profesional do Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies