Celebración do XXV aniversario da promoción de 1993

Na tarde do venres 9 de novembro celebramos no Salón de Actos da Escola Galega de Administración Pública o acto de homenaxe polos 25 anos da publicación do nomeamento como funcionarios de carreira das persoas integrantes da promoción de 1993. O aniversario, organizado pola nosa Asociación, contou coa presenza do Presidente da Xunta de Galicia, do ex-conselleiro Dositeo Rodríguez Rodríguez, conselleiro de Presidencia e Administración Pública nese ano,  e de Carlos Negreira Souto, que falou en nome dos integrantes da promoción na súa condición de número 1 desta.

O acto comenzou coa interpretación do tango “Por una cabeza” da película que no ano 1993 gañou o Oscar ao mellor actor principal,  que simbolizou a incerteza de todos os que estudan unha oposición e que arriscan o seu futuro a unha carta. O acto rendía homenaxe as máis de catrocentas historias de éxito daquela promoción. A continuación, o presidente da Asociación, Pablo Amenedo, interviu  destacando no seu discurso o agradecemento aos homenaxeados por ser os nosos mestres, pola súa axuda e tutela, por compartir a súa experiencia e entusiasmo para mellorar e pola dedicación e esforzo destes 25 anos. Asimesmo resaltou que as gañas e ideais desa xeración de funcionarios/as é fundamental para ser quen de continuar o proceso de adaptación da administración a todos os cambios que se están a producir e aos que se aveciñan para o curto e o medio prazo.

De seguido, proxectouse un vídeo, salpicado de notas de humor,  no que se mostrou o cambio que se ten producido tanto na sociedade como na administración nestes 25 anos e o papel desempeñado polos funcionarios neste importante proceso evolutivo.

Na segunda intervención, Don Carlos Negreira centrou a súa intervención na importancia de coidar das persoas dentro de calquera  organización e agradeceu aos organizadores o feito de celebrar a efeméride. O ex conselleiro Dositeo Rodríguez fixo un repaso polos compricados inicios da administración pública galega e salientou a importancia do diploma de directivo que el instaurou como xeito de abrir outras perspectivas aos funcionarios públicos.

Por último, o Presidente da Xunta de Galicia salientou o fundamental que é o labor diario de todos os funcionarios e funcionarias para achegar a Administración aos administrados. Tamén incidiu en que a creación normativa e polo tanto das políticas públicas é o froito do esforzo persoal dos empregados públicos.

Tras esta intervención o trío Minuetto voltou a interpretar un repertorio de pezas musicais, mestura de música popular galega e de referencias ao cine do ano 1993. O acto culminou cun cocktail na EGAP onde todas as persoas asistentes puideron reencontrarse e rememorar vellos tempos e aproveitar a ocasión para fortalecer os vínculos entre os compañeiros do corpo.

Dende a Asociación de Funcionarios do Corpo Superior damos as gracias a todos os asistentes e convidamos aos que aínda non forman parte da asociación, a que se unan a nós.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies